Os comuneiros de Mourente solicitan unha entrevista á conselleira de Sanidade para falar de Montecelo
Por Oskar Viéitez
A Comunidade de Montes de Mourente acaba de remitir unha comunicación á Consellaría de Sanidade solicitando unha entrevista coa conselleira, Rocío Mosquera, para tratar a posibilidade de asinar un convenio sobre os terreos do Monte de Montecelo, actualmente ocupados polo Hospital público xestionado polo Sergas.
Segundo informou a propia Comunidade de Mourente, aínda que en días pasados se comentaba a posibilidade de que presentara á Xunta de Galicia unha proposta concreta de convenio, a Xunta Reitora dos comuneiros decidiu primeiramente solicitar unha entrevista coa titular da Consellaría para confrontar as posturas das dúas partes e perfilar as características do convenio.
En todo caso o documento deberá recoller os termos do acordado o pasado domingo na asemblea xeral pola practica totalidade dos asistentes. A Consellaría deberá recoñecer o carácter veciñal dos terreos cedidos no seu día polo Concello e a comunidade de montes aceptaría o uso dos mesmos por parte do departamento sanitario por tempo indefinido mentres dure o fin para o que foi cedido.
Aínda que non se chegou a concretar tal extremo na asemblea xeral, a Xunta Reitora mantén que os comuneiros de Mourente aceptarían renunciar ao cobro de calquera tipo de canon polo uso dos terreos mentres se manteña o uso sanitario con carácter público. A vontade expresada polos asistentes á asemblea xeral do pasado domingo non é a de tratar de obter beneficio económico pola aceptación do uso por parte do Sergas, senón a de favorecer o funcionamento do hospital público mentres teña un uso público.
A Comunidade de Montes de Mourente entende que a sinatura do citado convenio é amplamente beneficiosa para a Consellaría de Sanidade, pois garantizaría un uso gratuíto e continuado do Hospital Montecelo e evitaría a posibilidade de que os comuneiros de Mourente reclamaran xudicialmente a titularidade dos terreos. Por iso, a Xunta Reitora entende que esta postura é compartida polas dúas partes e confía en que unha entrevista coas máximas autoridades sanitarias da Xunta de Galicia permitirá perfilar os termos concretos nos que se debe redactar o acordo.
Relacionadas:
-
O 17 de marzo celebrarase o xuízo sobre a titularidade dos terreos do Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Mourente agardan que a vista xudicial para recuperar Montecelo se celebre antes do verán
Por Redacción |
-
Mourente reclama ante a Xustiza o terreo de Montecelo
Por Oskar Viéitez |