Nauta Sanxenxo obtén o selo nacional 'Q de Calidade turística' para o porto deportivo
Por Redacción
"Esta nova distinción confirma que estamos a traballar na liña correcta á hora de implementar medidas e inversións destinadas a ofrecer os mellores servizos aos usuarios do porto logrando así que sexa un referente a nivel nacional e internacional", comentou o presidente en funcións de Nauta Sanxenxo ao coñecer a decisión do Instituto para a Calidade Turística Española de conceder ao Porto Deportivo Juan Carlos I a 'Q de calidade turística española'.
"Este prestixioso selo nos confire un valor engadido ao constituír un elemento diferenciador máis da oferta doutros portos ao tempo que afonda no camiño emprendido, tanto polo sector público como polo privado, para que Sanxenxo sexa sinónimo de calidade ao entender que é a mellor forma de competir con outros destinos turísticos", apuntou Salvador Durán.
Para lograr este galardón, o porto deportivo Juan Carlos I tivo que superar unha rigorosa auditoría externa destinada a confirmar o cumprimento dos requisitos esixidos en todos os ámbitos de xestión da empresa pública para actividades en instalacións náutico-recreativas.