A rúa César Boente languidece entre as ruínas e a burocracia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Son moitos os inmobles ruinosos que existen no centro histórico pontevedrés, pero entre todos eles hai dous que resultan paradigmáticos, coinciden na mesma rúa César Boente e son modelo ou exemplo dos problemas que reúnen outros moitos edificios.
O primeiro é o número 4 desta rúa. O Pazo Mariño de Lobeira, do século XVI, no que os historiadores aseguran que faleceu Tristán de Montenegro. Permanece valado dende que en xaneiro de 2011 se produciron algúns desprendementos.
O edificio estivo moitos anos abandonado, aínda que tiña un par de inquilinos, entre eles un zapateiro.
En 2011 derrubouse parcialmente o tellado e a Concellaría de Urbanismo, a través do Servizo de Disciplina Urbanística, ditou unha orde de execución para a desmontaxe parcial do tellado e a protección da vía pública do perigo de caída de elementos da cuberta e a cornixa. A propiedade cumpriu coa orde de execución e, atendendo o requirimento municipal, valou parcialmente a rúa para protexer os peóns.
Ao mesmo tempo incoouse un procedemento de ruína. Os informes municipais acreditan a ruína técnica (esgotamento estrutural) e económica (acredita que o custo da restauración equivale polo menos a un 50% do valor da construción, excluído o valor do soar).
A Concellaría de Urbanismo instou a propiedade a acometer a posibilidade de restaurar o edificio e os donos presentaron o proxecto de demolición parcial con vistas á restauración posterior. Enviouse a informe (preceptivo e vinculante) de Patrimonio, ao tratarse dun edificio catalogado. Enviado o 30 de maio de 2012.
O asunto está parado porque a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non informou o proxecto de demolición parcial.
O concelleiro de urbanismo, Antón Louro e os técnicos municipais preguntaron en varias ocasións polo asunto e interesáronse extraoficialmente a través dos técnicos de Patrimonio que acoden periodicamente ás comisións de Urbanismo. Ata que Patrimonio informe non se poden dar novos pasos.
EDIFICIO DA ANTIGA TENDA DE BARCIA
En canto ao segundo edificio, o número 6, a ficha do Peprica di, entre outras cousas: "Longa fachada con ocos de arco. Século XVII. Pedra armeira e as armas dos Mendoza, Sotomayor, Figueroa, Pardo de Cela e Caamaño. Destaca espazo interior moi degradado con solaina e patín. (Refírese ao patio onde proliferan os gatos). Baixos reformados nos anos 40 e 80".
Popularmente é coñecido por acoller durante moitos anos a tenda de Barcia.
Conta con declaración de ruína dende finais dos 90. Non obstante, non houbo episodios de desprendementos ou de risco. No ano 1999 o Concello tramitou unha licenza de restauración do edificio presentado polo antigo propietario. O proxecto foi informado negativamente por Patrimonio. Non foi corrixido e está parado dende entón.
O propietario faleceu hai uns anos e a propiedade está dividida entre os herdeiros, que deben poñerse de acordo.
Ao igual que residentes e veciños da zona, en ambos os dous casos, Antón Louro destaca que está "moi interesado" en que estes inmobles poidan recuperarse e restaurarse, porque se trata de dous edificios singulares e moi valiosos do noso Centro Histórico. Neste sentido, dende o Concello trasladan que se apoiará calquera iniciativa dos propietarios, "aínda que somos conscientes de que a situación económica lastra todo tipo de actuacións inmobiliarias".
ÿ necesario "axilizar o ritmo de emisión dos informes dende Patrimonio"
Louro destaca a súa "total vontade de colaborar", tanto neste coma en calquera outro caso, con Patrimonio para impulsar os expedientes. Tanto el coma os técnicos municipais están "a disposición de Patrimonio".
Neste sentido, sinalan que é necesario "axilizar o ritmo de emisión dos informes dende Patrimonio" porque as licenzas son asuntos regulados e o Concello non pode continuar adiante se faltan informes preceptivos e vinculantes.
Finalmente, o tenente de alcalde, considera que sería unha "magnífica novidade" que a Xunta de Galicia puxese en funcionamento, canto antes, a Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Centro Histórico. Un programa que marcha con moito atraso e que, sen dúbida, tamén encontra dificultades na situación económica, pois, a día de hoxe, o que realmente falta é que a propia Xunta defina a porcentaxe subvencionable ás obras das áreas de rehabilitación. Ou, o que no fondo é o mesmo, que decidan os fondos económicos o presuposto autonómico que se dedicará á rehabilitación.
Con independencia destes dous inmobles, existen outros edificios do Centro Histórico que se poderían beneficiar das axudas oficiais á rehabilitación, polo que o ARI "é unha necesidade", sinalou Louro.
Cabe recordar que o ARI xa está aprobado, pero ata que se dote de presuposto e fondos, non deixará sentir os seus efectos reais.