O BNG propón unha estratexia común Porto-Cidade para recuperar a fachada marítima
Por Redacción
O BNG acaba de presentar, durante o período de exposición pública, alegacións ao Plan de Usos do Porto co obxectivo de marcar unha estratexia Porto-Cidade que permita desenvolver actividades e proxectos comúns vinculados a equipamentos culturais, recreativos, certames feirais, exposicións e a creación dun bulevar recuperando a fachada marítima.
"ÿ o Ministerio de Fomento o organismo que determina nos portos de titularidade estatal as zonas que se poidan destinar á integración porto-cidade. Na maioría dos portos, como é o caso de Marín, moitos espazos perderon a súa funcionalidade de maneira que poden admitir actividades vinculadas á cidade de maneira que non se prexudique o desenvolvemento futuro do porto", explica o concelleiro do BNG, e ex edil de Urbanismo, Xosé María Vilaboa.
"No caso concreto de Marín, a actividade comercial desprazouse cara ao interior da ría, de maneira que a zona comercial tradicional do Porto, limitada pola Escola Naval, ten agora unha actividade residual de oficinas de consignatarios e almacéns de mercadorías en réxime de concesión. As Directrices do Territorio aprobadas pola Xunta, consideran a prioridade de acoller actividades vinculadas á náutica deportiva ou á actividades sociais en espazos como estes, fronte á construción de novas instalacións portuarias", engade o concelleiro nacionalista.
En concreto o BNG formula catro propostas a través do trámite de alegacións aberto pola Autoridade Portuaria de Marín e que se resume en:
- Ampliación da lámina de auga situada entre o dique norte de protección ata o final de do paseo de marítimo Alcalde Branco, para actividade náuticas
- Desafectación de usos portuarios da nave almacén situada ao inicio do paseo, por dentro do porto, para dar cobertura aos clubs deportivos de piragüismo, remo e vela.
- Reordenación da zona comprendida ao bordo da Avenida de Ourense fronte aos edificios administrativos do Concello, Xulgado e Biblioteca Pública, xerando un amplo bulevar que permita a recuperación dunha nova fachada marítima, na que poder emprazar unha zona comercial e de hostalaría en locais integrados na paisaxe que potencia e recupere a actividade turística, e a visión da lámina de auga.
- E por último a incorporación da parcela situada á altura da Avenida de Ourense, veciña ao parque público do Cantodarea e ao edificio da Autoridade Portuaria, para a dotación dunha infraestrutura pública multiúsos integrada na paisaxe, que potencie a actividade cultural, recreativa, congresual e de exposicións que Marín tanto necesita e que o BNG xa propuxo crear durante o goberno municipal.
Para finalizar, Xosé María Vilaboa, lamenta que o grupo de goberno do PP de Marín "non accedese sequera a sentarse para poder consensuar estas propostas a través da Xunta de Voceiros". De aí que reclamen do concelleiro de Urbanismo e da alcaldesa unha reunión para valorar as propostas, "como sempre se fixo en período de exposición pública dun plan do Porto, mais non quixeron nin falar do tema".
O BNG achegará as súas propostas a todos os colectivos sociais e culturais de Marín nos próximos días.
Relacionadas:
-
O BNG de Marín pide explicacións sobre o proxecto de explotación da parcela cedida polo porto
Por Redacción |
-
2.000 sinaturas piden o uso náutico-deportivo da nave almacén do Porto
Por Redacción |
-
O Porto cede a Marín 3.000 metros cadrados para uso cidadán na zona da praza de España
Por Redacción |
-
O BNG quere recuperar espazos da Escola Naval e do Porto de Marín para uso público
Por Redacción |