Deputación manterá o servizo de teleasistencia domiciliaria, pese a "espantada" do Inserso
Por Alejandro Espiño
"Se hai anos asumimos este servizo, non imos deixar de prestalo nos tempos que corren, nos que é máis necesario que nunca". Así ratificaba o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que a institución provincial continuará financiando o servizo de teleasistencia domiciliaria, a pesar da "espantada" do Inserso que deixará de colaborar en 2013.
Pero a pesar deste compromiso, Louzán aproveitou para reclamar que unha institución con competencias na materia asuma este servizo. "Ata o de agora, a Teleasistencia ven sendo mantida pola Cruz Vermella, pola Xunta a través da Lei de dependencia, por algunha deputación (...) hai que fixar pautas e normas e coordinar axeitadamente o servizo". Iso si, iso non quita, dixo o presidente provincial, que varias administracións poidan colaborar no seu financiamento.
Neste sentido, deixou entrever a posibilidade de que os concellos tamén asuman parte deste servizo, xa que indicou que dos 1.147 usuarios que ten actualmente, máis da metade, corresponden só ao concello de Vigo.
Louzán recordou ademais que a Deputación destina a servizos sociais "a pesar de que non temos competencias estritas", 17 millóns de euros anuais para o servizo de axuda no fogar, plans para maiores e, sobre todo, os servizos que se ofrecen na residencia Príncipe Felipe. Desta última, sinalou que sería o normal que a Xunta de Galicia fixésese cargo dela, "pero agora non é momento de plantexalo".