Reencontro con sorrisos entre Lores e Teresa Pedrosa
Por Redacción
A que fora candidata do Partido Popular por Pontevedra, Teresa Pedrosa, reuníase este mediodía co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o seu rival político nas eleccións municipais de 2003.
O alcalde pontevedrés presentábaa así: "Isto é unha visita protocolaria da presidenta da... " e rapidamente Teresa Pedrosa corrixíalle "da Delegada, que presidente é Abel Caballero". A partir de aí, o rexedor mostrou un talante afectuoso coa delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, lonxe dos agres debates políticos de hai máis dunha década: "Tiña un especial interese en que viñera porque sei que Teresa é unha persoa que quere a esta cidade. Quero agradecerlle a súa visita, aínda que fora un pouco tarde pero iso son problemas de axenda duns e dous outros, e a partir dagora comezar unha relación de colaboración en beneficio da cidade de Pontevedra". Teresa Pedrosa tamén se mostrou moi satisfeita con este encontro: "yo estoy encantada de estar aquí, como no podía ser de otra forma".
Nesta primeira toma de contacto concluíron que dentro dunhas semanas manterán unha reunión ambas as dúas institucións, o Concello e o Consorcio da Zona Franca reuniranse con representantes da Cámara de Comercio e con membros da Universidade de Vigo. A intención, segundo explicaron os dous dirixentes, é solicitar fondos para crear viveiros de empresas e fomentar actividades para persoal en formación.
Teresa Pedrosa indicou que os obxectivos actuais do Consorcio se centran na internacionalización, a innovación e o emprendimento en termos xerais. E o obxectivo é traballar na creación dun viveiro temático vinculado ao campus universitario de Pontevedra no que se fomenten actividades de innovación relacionadas con Belas Artes, Moda ou Comunicación audiovisual. A responsable do Consorcio indicou que "ahora hay proyectos europeos que aportan para la creación de viveros el 80% de los fondos".
"Creo que es el momento para sacar proyectos empresariales y que pasen de idea a empresa", indicou Teresa Pedrosa.