Ponte Caldelas ultima os preparativos do concurso internacional de pesca deportiva
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mantivo unha reunión técnica con delegados da Federación Galega de Pesca e a Sociedade de Caza e Pesca "Verdeseixo" para analizar os pormenores do Concurso Internacional de Pesca Fluvial con motivo da celebración da XLVIII Festa da Troita, que terá lugar o 31 de maio e 1 de xuño.
Os asistentes á reunión valoraron moi positivamente os resultados do certame do pasado ano e apostaron por continuar destinando o tramo comprendido entre a Presa de Parada e a área recreativa da praia fluvial ao concurso en categoría veteranos, xuvenil, damas e infantís en modalidade de pesca sen morte dentro do compromiso ambiental que dende sempre caracterizou á Festa da Troita. As troitas capturadas, unha vez medidas pola organización, serán devoltas ao río.