Biempica renuncia a parte dos cartos que lle corresponderían como concelleira non adscrita
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Non houbo saúdos. Nin sequera se cruzaron miradas. Con absoluta frialdade os concelleiros do Partido Popular foron ocupando os seus asentos no Teatro Principal para a celebración do Pleno.
A primeira en ocupar o seu posto foi María Biempica. Séntase na primeira fila no espazo máis próximo ao público, relegando a César Abal á segunda fila.
Biempica escribía concentrada no papel mentres os fotógrafos inmortalizaban o momento.
O pleno arrancou cunha cuestión de trámite, a elección dos cidadáns que conformarán as mesas electorais para os comicios do próximo 25 de maio.
A continuación procedeuse á "toma de coñecemento do abandono de dona María Biempica Ortiz do grupo municipal do Partido Popular e do pase á consideración de concelleira non adscrita. Algún problema? ", preguntou o alcalde. Silencio.
O secretario do Pleno explicou o novo status, cos dereitos e obrigas, da concelleira non adscrita subliñando que "non cobrará máis cartos dos que xa viña percibindo". Máis silencio.
Toma a palabra María Biempica, pasa asegurar que as súas aspiracións nunca foron económicas polo que renuncia á contraprestación económica que lle correspondería como grupo polo que únicamente cobrará as asistencias a pleno e comisións.
E engadiu o seu "deseo e intención de seguir realizando mi labor que es trabajar por mi ciudad de manera construtiva". Destacou tamén a súa "tristeza por no poder ayudar en la campaña al candidato pontevedrés del Partido Popular, Francisco Millán Món" e para rematar trasladou a súa felicitación aos participantes na "Pontevedrada 2014" por ser exemplo de "solidariedade e entusiasmo".
As palabras de Biempica tiveron eco dende o goberno local. Raimundo González (BNG) quixo achegar unha reflexión, "evidentemente, parece obvio decilo, o grupo político pasa por serios problemas" asegurando que "para nos non e bo que sucedan estas cousas, os grupos políticos teñen que defender a súa posición máis que andar con liortas internas. Pero xa que o voceiro popular di que 'saen reforzados' pois aquí todos contentos", concluíu.
Pola súa banda, Antón Louro, polo grupo socialista, expresou "o noso respecto a María Biempica pola súa decisión" e afirmou que "inicia unha etapa diferente, espero que sexa útil para todos".
Non houbo intervencións por parte do grupo do PP.