965 empresas pontevedresas facturaron máis dun millón de euros anuais
Por Oskar Viéitez
A Tesouraría do Concello de Pontevedra recolle un total de 13.364 actividades económicas. Destas segundo os datos facilitados pola Concellería de Facenda un total de 5.900 son negocios "vivos", con auténtica actividade económica, ainda que o rexistro de empresas cotizantes á Seguridade Social rebaixa esta cifra a 5.186.
De todas estas, un total de 965 empresas facturaron máis dun millón de euros anuais segundo os datos de liquidación do IAE (imposto de actividades económicas).
Na relación de actividades económicas do rexistro de cotizantes á Seguridade Social encóntranse, entre outros: 980 comercios, 416 negocios de hostalaría, 297 relacionados coa construción, 173 firmas manufectureiras ou 124 de transporte e almacenamento. Ademais o Concello ten constancia de 809 oficinas técnicas e despachos profesionais.
8 de cada 10 persoas que traballan no Concello de Pontevedra fano no sector servizos
Os datos reflicten que en Pontevedra se produce un "monocultivo sectorial", do sector dos servizos que aglutina o 83% do emprego. Dito doutro modo, 8 de cada 10 persoas que traballan no Concello de Pontevedra fano nos servizos.
Esta concentración nun sector de actividade repercute de forma directa no devir da economía. O peso do sector dos servizos xa é moi elevado na economía galega, pois alcanza ao redor dun 70% do total.
En Pontevedra destaca tamén o baixo peso do emprego no sector industrial en relación co total: un 10% fronte ao 15% en Galicia.
En canto ao perfil da persoa desempregada en Pontevedra sería en dunha muller de entre 35 e 39 anos, con estudos secundarios e procedente do sector servizos, rama comercio.