Próximo cumio entre o Concello e a Universidade de Vigo "para concretar aspectos de colaboración"
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aproveitou o seu encontro coa vicerreitora saínte do campus lerezano, Antonia Blanco, e o novo responsable do cargo, Juan Manuel Corbarcho, para anunciar que "nuha semana ou dez días" se reunirá co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato "para concretar aspectos de colaboración".
No encontro afondarase nos plans do proxecto 'Campus Crea', que pretende potenciar a especialización nun campus no que a maioría das titulacións se centran en aspectos como saúde, deporte e creatividade.
O 'Campus Crea' será "un gran reto", en palabras do actual vicerreitor, que "desembocará nunha marca internacional de prestixio que levará o nome de Pontevedra".
Na reunión entre Lores e Mato tamén está previsto falar sobre os investimentos que a Universidade de Vigo ten previsto realizar nos próximos anos na cidade.