Hípica Amazonas e o Concello de Ponte Caldelas presentan a Concentración Cabalar Festa da Troita
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e a responsable de Hípica Amazonas da Insua, Loli Pereira, presentaron a edición número 14 da Concentración Cabalar Festa da Troita que terá lugar no municipio os días 3 e 4 de maio e que servirá como preámbulo da celebración da Festa da Troita.
A concentración iníciase o sábado ás 15:30 horas coa saída da ruta cabalar por diversos lugares do municipio para continuar, ás 21 horas coa degustación da tenreira ao rodicio cuxo asado comezará na madrugada do venres para o sábado.
A continuación, sobre as 23 horas, terá lugar nas inmediacións do centro hípico Amazonas, na Insua, un grande espectáculo nocturno a cargo de Especialistas da Hípica Celta, unha agrupación que realizan diversas combinacións acrobáticas e de máximo interese para o público que decida presenciar as súas evolucións sobre o cabalo. A xornada do sábado finalizará cunha gran verbena amenizado por un coñecido grupo musical.
O domingo, arredor das 10:30 horas comezarán os concursos morfolóxicos de diferentes razas (cruzados, PRA, PRE, etc.) que consideran a entrega de distintos premios en metálico para os gañadores.
A xornada do domingo finalizará cun Carrusel Hípico a cargo dos alumnos de Hípica Amazonas que desenvolverán diversos exercicios e coreografías na pista central de que dispón este centro de ensino ecuestre na Insua.