O Padroado da UNED de Pontevedra concede a Vigo cinco titulacións
Por Oskar Viéitez
O Padroado do Centro Asociado aprobou a impartición de cinco novos graos na Aula Universitaria de Vigo durante o próximo curso. Serán, Dereito, Educación Social, Enxeñaría informática, Enxeñaría en tecnoloxías da información e Turismo.
Tan só os titores rexeitaron esta petición formulada polo Concello de Vigo defendendo a centralización das ensinanzas na cidade do Lérez.
Votaron a favor o resto de membros do Padroado: Deputación, Consellería de Educación, direccións central e rexional da UNED e Concello de Pontevedra.
Tras coñecer a decisión, o alcade de Vigo, Abel Caballero valorouna como unha "magnífica noticia para a cidade" asegurando que "a Uned en Vigo xa é imparable".
Entre outros puntos do día, procedeuse á liquidación do presuposto do ano 2013. Así mesmo o Padroado acordou a continuación das obras de ampliación do edificio, co obxectivo de que estas estean rematadas á maior brevidade posible. Estas obras de ampliación teñen como obxectivo dotar ao edificio do Centro Asociado dunha Aula Magna, que se usará para a realización dos diferentes exames, congresos e relatorios que acolla o centro.