Os sindicatos homenaxean os traballadores do mar
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Baixo o lema 'Sen emprego de calidade non hai recuperación. Máis cohesión social para máis democracia', os sindicatos UGT e CC.OO. manifestáronse este primeiro de maio polas rúas de Pontevedra nunha mobilización que incluíu unha homenaxe ao sector do mar.
"Hoxe é un día de lembranza", dixo o secretario de UGT nas bisbarras de Pontevedra e Arousa, Ramón Vidal, "lembranza daqueles traballadores que se significaron pola loita polos dereitos" e neste caso co recordo especial para os mariñeiros que "sufriron nas súas carnes os embates dunhas circunstancias de perigosidade que non queren recoñecer nos seus dereitos laborais".
Pola súa banda o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, destacou a "dramática situación" que reflicten os datos da EPA no municipio de Pontevedra onde hai xa 3.452 fogares con todos os seus membros no paro.
"Aquí non hai recuperación económica, o que se está a dicir dende o goberno do Estado e mais a Xunta é pura propaganda", recriminou Pedrosa para insistir en que as políticas de austeridade só están a provocar paro, desigualdade, pobreza e recorte de dereitos sociais e laborais.
Ambos os dous sindicatos de novo coincidiron en censurar a reforma laboral, que segundo aseguran, en Galicia provocou "63.200 parados máis e 50.800 asalariados menos".
A manifestación que partiu ás 12 horas dende a praza da Peregrina rematou no peirao das Corbaceiras onde se fixo unha ofrenda floral ao son do Himno do Antigo Reino de Galicia.