Unha nube de abellas desaloxa as terrazas da Verdura
Por Oskar Viéitez
Un apicultor afeccionado retirou este venres unha colmea dunha das árbores da Praza da Verdura despois de que avisase os Bombeiros o propietario dun bar da zona, asustados ante a gran cantidade de abellas que había nunha das ramas.
Sobre as tres e media da tarde unha nube de abellas irrompeu na praza alarmando as persoas que gozaban do sol nas terrazas.
En apenas quince minutos elixiron un liquidámbar e agrupáronse para empezar a construír unha colmea.
Avisados os Bombeiros a maioría dos clientes optou por refuxiarse ante o temor de recibir unha picada dos insectos baleirando as mesas centrais da praza.
Ao anaco chegou, Emilio Ramírez, un veciño de Salcedo que ten a apicultura como hobby. Emilio, vestido cun traxe de protección, sacou do seu todoterreo un panal de traslado ou 'caza enxames' co que subiu pola escaleira instalada polos bombeiros ata o grupo de abellas.
"He subido una colmena con unos restos de cera para recoger el enjambre", explicou "ayudado por un poco de humo, la abeja reina se metió en la caja y el resto de los insectos han ido entrando en el interior de la nueva colmena".
A intervención foi agradecida con aplausos por parte do público presente.
Aínda que na praza quedaban un importante número de abellas, tranquilizou a todos advertindo que esta presenza era temporal xa que sen a raíña "nun par de horas" abandonarían o lugar para regresar á súa última colmea.
Emilio explicou que nesta época do ano ten bastantes intervencións deste tipo.