A Deputación pide á empresa que amplía a depuradora de Lérez que repare os danos causados na estrada
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra xestionou ante a empresa que realiza as obras de ampliación da depuradora de Lérez o arranxo e a reposición do firme da estrada provincial de acceso á zona, que se veu moi deteriorada como consecuencia dos traballos e do continuo tránsito de camións de gran tonelaxe por este vial.
Así llo comunicou a deputada Ana Isabel Vázquez aos veciños e comuneiros de Verducido durante unha visita á parroquia acompañada polo director de Infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey.
A deputada anuncioulles que a institución provincial acometerá as obras de arranxo dun muro de contención que afecta á canle dun regato no lugar de Gavián e levará a cabo diversos traballos de limpeza e mellora na estrada provincial que atravesa esta parroquia pontevedresa.
Segundo informa a Deputación, os veciños agradeceron a disposición e o interese mostrado ante estas necesidades da parroquia de Verducido e manifestaron a súa vontade de colaboración para solucionalas.