O PSOE pide a dimisión do subdelegado do Goberno polo seu "desleixo" ante a vaga de roubos na Lama
Por Redacción
O PSdeG-PSOE da Lama pide a dimisión do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, polo "desleixo evidente" que demostrou ante a vaga de roubos que se están a cometer neste termo municipal.
O voceiro dos socialistas, Enrique Vaqueiro Costal, dirixe as súas críticas ao subdelegado ao tempo que defende o traballo da Garda Civil, pois asegura que a todos os veciños lles consta o "esforzo tremendo" que están a realizar os axentes do posto de Ponte Caldelas para localizar os autores dos roubos e que están "a durmir poucas horas para protexernos".
Parece absolutamente incrible que a Garda Civil se estea a entregar máis alá das súas posibilidades, e o señor subdelegado non poña recursos enriba da mesa para capturar estes delincuentes", critica Vaqueiro, que considera que Antonio Coello "non está á altura das circunstancias".
Ao respecto, engade que cando o subdelegado do Goberno recibe un convite para tomar un cocido ou para acudir á Festa do Codillo "vén correndo" e, non obstante, neste caso ten máis de 30 roubos violentos na mesa do seu despacho e "non move nin o dedo maimiño para poñer máis recursos a disposición dos veciños da Lama".
Vaqueiro insta a Coello a que "se non está capacitado, que se vaia para a súa casa, e veña outro subdelegado que lle poña o que hai que poñer para solucionar este problema" e alerta de que os veciños están moi asustados e algúns deles son cazadores de licenza, de modo que contan con armas na súa casa e un dia pode haber que lamentar algún inciente. "Parece que o señor Coello está a esperar a que un veciño se lle vaia a cabeza e aconteza unha desgracia", valora.
Relacionadas:
-
Veciños de Xesta (A Lama) piden a expulsión do país dos detidos como sospeitosos da vaga de roubos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Dous novos roubos en casas deshabitadas manteñen a alerta social na Lama
Por Natalia Puga |
-
O alcalde acusa a Enrique Vaqueiro de crear un "falso" clima de inseguridade cidadá na Lama
Por Redacción |
-
O Subdelegado reduce a 14 o número de roubos na Lama no que vai de ano
Por Oskar Viéitez |
-
A Garda Civil aconsella os veciños da Lama ante a vaga de roubos
Por Redacción |