As enerxías renovables entran nas aulas do Colexio Carballal
Por Redacción
Este luns, día 5 de maio, o alumnado do 2º ciclo de Educación Primaria do CEIP Carballal, tivo a oportunidade de contar no centro coa presenza do Obradoiro Granxa-Enerxía dependente de ENDESA-Educa, no que aprenderon que son e como funcionan as enerxías renovables.
Para aproveitar ben este obradoiro, a semana pasada o alumnado traballou sobre estas enerxías na aula, co material proposto polo programa, de xeito que xa estaban preparados para comprender as explicacións de Raúl que veu cargado con trebellos coma unha bici con dinamo que facía que se movesen uns pequenos ventiladores luminosos cando se pedaleaba nela, un forno solar enorme, varias placas solares, un ventilador para simular o vento que produce enerxía, e máis cousas. Con todas elas, explicoulles como se produce enerxía renovable e como se pode aproveitar e eles mesmos produciron enerxía na bici.
Cada curso, 3º e 4º, pasou polo obradoiro durante unha hora na que aprenderon moito sobre como producir enerxía de maneira limpa.