Unha sentenza xudicial impón ao Concello o pago dun millón de euros a Sercoysa
Por Redacción
O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, deu a coñecer este luns o contido dunha nova sentenza xudicial con grave prexuízo para o Concello de Pontevedra. Trátase da resolución sobre a reclamación presentada pola compañía adxudicataria da urbanización da unidade de actuación nº 16 do PXOM, a área que ocupaba o antigo Cuartel de Campolongo, que condena ao Concello a abonar un millón de euros por obras executadas a maiores.
A empresa, Sercoysa Proyectos y Obras S.A., certificou traballos por algo máis de 2.700.000 euros, pero xustificou cun informe técnico que a actuación realmente realizada chegou ata os 3.700.000.
O Concello recoñeceu efectivamente que se fixeran obras de máis, pero diferiu moito na valoración das mesmas, pois situou a cifra en 243.000 euros. A sentenza da a razón nesta cuestión á construtora, advertindo ademais que a ese millón de euros haberá que engadirlle os correspondentes intereses desde maio de 2009 e non maio de 2011 como pretendía a Administración Municipal.
Si rexeita o Xulgado outra petición de Sercoysa por importe duns 460.000 euros en concepto de revisión de prezos ou alternativamente como indemnización pola longa duración do contrato, que se estendeu durante tres anos cando o prazo inicial era tan só dun ano.
A sentenza non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso de apelación.
Moreira lamenta que este novo revés xudicial, notificado hai mes e medio ao Concello pero do que non informou públicamente, ven sumarse a un longo rosario de preitos perdidos que ameazan con hipotecar gravemente a esta Administración.