Mar de Lumes cumpre o seu primeiro ano e renova o compromiso internacionalista e solidario
Por Redacción
Un grupo de militantes do Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes celebraron na praza da Ferraría de Pontevedra o primeiro aniversario da organización cun acto simbólico que repetiu o realizado doce meses antes: o despregamento de bandeiras de nacións sen Estado que, dunha ou doutra forma e en diferentes fases, están a loitar pola súa soberanía e independencia nacional: Escocia, Cataluña, Sahara, Palestina, Québec, Córcega, o Kurdistán e outros pobos estiveron alí representados.
O acto concluíu coa lectura do manifesto da organización e co repaso das máis de cincuenta actividades solidarias que Mar de Lumes ten realizado ou organizado no seu primeiro ano de vida, e que inclúen tamén outros actos simbólicos, celebracións, charlas e coloquios e concentracións que, ademais do apoio aos procesos de autodeterminación.
Tamén serviron para denunciar o imperialismo alá onde se exerce máis descarnadamente e, a través da Plataforma Galiza contra a Guerra (da que é unha das organizacións promotoras) mobilizar centos de persoas nas principais cidades contra a invasión imperialista proxectada contra a Siria hai só uns meses.
Co acto deste martes, Mar de Lumes avaliou positivamente o traballo realizado e renovou o compromiso cos principios da organización: apoio aos procesos de emancipación, denuncia do imperialismo e explicación da realidade galega aos demais países do mundo.