Arranca o asfaltado da estrada Pontevedra-Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A primeira hora deste martes operarios da empresa Covsa iniciaron os traballos de asfaltado da estrada Pontevedra-Sanxenxo, a PO- 308.
Aínda que a empresa pública Acuaes tiña previsto comezar as obras de fresado e reposición do aglomerado o pasado 28 de abril, finalmente optaron por demorar o inicio da obra para evitar a ponte do 1 de maio.
Os traballos empezaron no nó de Bombeiros e o acceso á Comandancia da Garda Civil.
Para a execución da reposición, será necesaria a realización de cortes puntuais, na PO-531 (Domingo Fontán) e na PO-308 que se irá consensuando coa Policía Local e demais organismos implicados e avisando coa suficiente antelación. Os prazos para a execución serán aproximadamente os seguintes:
- Fresado de toda a plataforma afectada, tráfico regulado con sinais, un ou dous días.
- Entre o cuartel dos bombeiros e a rotonda da Barca, na rúa Domingo Fontán, para a reposición da gabia, cortarase un único carril durante vatro días. Manterase o tráfico en sentido alternativo.
- Posteriormente, cortarase o tráfico nun dos sentidos no tramo existente entre a rotonda da Barca e a rotonda de Automara, o concesionario de KIA, desviando o tráfico pola Caeira. Tempo estimado cinco días.
- O seguinte tramo sería cortar parte dun dos carrís entre a rotonda da KIA e a rotonda situada xunto ao hospital da Merced. Esta actuación terá unha duración aproximada duns cinco días, pero poderase manter o tráfico alternativo.
- A partir de aquí, os cortes serán puntuais e con sinais, sen requirir desvíos de tráfico. Tempo estimado cinco días.
- O último paso será, unha vez finalizada a reposición das gabias, proceder ao estendido de toda a capa de rodadura dos carrís afectados. Tempo estimado tres días.