Roupa e calzado para loitar contra a pobreza
Por Redacción
A asociación pontevedresa Boa Vida iniciou unha campaña de recollida de roupa e de calzado baixo o lema 'Eu non me rindo' coa intención de axudar a persoas que se encontran en situación de exclusión social e de pobreza a través dun proxecto que consiste na recollida, recuperación e reciclaxe de material téxtil co obxectivo de que estas persoas poidan obter un salario, tal e como realizan outros colectivos como Traperos De Emaús Navarra.
A roupa e o calzado sería reutilizado e tamén se empregaría para facer trapos. Segundo comentaba a coordinadora do proxecto, Pepa Vázquez, "hai un mercado do trapo con roupa que xa non está para usar que ten saída nas empresas navieiras e mecánicas, que traballan con graxas". A súa proposta céntrase en poder obter ingresos a partir desa actividade e por ese motivo queren conseguir doce toneladas de roupa e calzado usado.
Esta organización de carácter local colabora con Cáritas Interparroquial e segundo indicaba Pepa Vázquez recibirán o exceso de material que o colectivo relixioso teña no seu roupeiro.
A organización Boavida indica que agora necesitan ao redor de 300 euros para poder adquirir unha máquina que ozonice a roupa e lles permita poñer en marcha o proxecto. Pepa Vázquez indica que esta proposta vai destinada a persoas do Concello de Pontevedra e alerta de que outras propostas como a de Humana que ten instalados colectores nos hipermercados ou o colectivo que deixa caixas de cartón nos portais das vivendas para a recollida de roupa non ofrecen garantías sobre o seu funcionamento nin sobre o destino do material téxtil que reciben.
Boa Vida conta con 40 socios e as persoas que queiran colaborar con esta asociación como voluntarios ou entregando roupa ou diñeiro poden dirixirse á rúa Cruz Vermella 16 de luns a venres de 10 a 12 horas ou poñerse en contacto cos responsables a través dos teléfonos 886.160.950 ou 691.201.517. O teléfono para os interesados da zona de Arousa é o 668.893.350
Relacionadas:
-
Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
RADIO.- Benefactores sociais si, non, ou con condicións?
Por Marisa Ciordia |
-
Cáritas presume da solidariedade dos arousanos
Por Oskar Viéitez |
-
Instalan catro colectores de reciclaxe de roupa en Poio
Por Redacción |