Emigrantes retornados e preferentistas castigarán o Partido Popular nas urnas nas próximas eleccións europeas
Por Oskar Viéitez
As Plataformas de afectados por preferentes e subordinadas e a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados castigarán o Partido Popular nas urnas nas próximas eleccións europeas. Así o trasladaron este mércores nunha rolda de prensa celebrada na Galería Sargadelos, o responsable da Plataforma de Marín e Pontevedra, José Luis García Portela e o presidente da Coordinadora de emigrantes, Xosé Lois Leirós.
Estes colectivos celebrarán este sábado en Pontevedra unha manifestación conxunta baixo o lema "Polos teus dereitos. Pola túa dignidade. Pola Xustiza... Ponte na rúa" que sairá da praza de Ourense ás 11.30 horas e rematará na Avenida de Monteiro Ríos ás 13:30.
Xosé Lois Leirós asegurou uns 250.000 emigrantes retornados están a recibir as cartas de Facenda nas que se lle reclaman o importe da declaración dos últimos cinco anos máis sancións por non tributar as rendas estranxeiras é unha "carta bomba que nos destrúe non só economicamente senón tamén moralmente", dixo.
José Luis García Portela sinalou que estes preferentes e emigrantes "temos un problema común, mesmo hai xente afectada que pertence ás dúas plataformas" e afirmou que as persoas que se manifestarán este sábado polas rúas de Pontevedra son "os avós de Galicia, ós que se lles estafou e se lles faltou ao respecto, algo indigno que non se tolera noutras sociedades".