O Concello nega a falta de limpeza nos comedores escolares que denuncia o PP
Por Oskar Viéitez
O Concello nega a existencia dun problema de limpeza nos comedores escolares, como denunciou o Partido Popular.
A vicevoceira do PP local, María José Rodríguez Teso, asegurou que "la empresa concesionaria no limpia diariamente los locales de los comedores" xa que, segundo dixo "por desidia", esta tarefa non está incluída entre as obrigas asumidas no contrato de concesión. Mesmo apuntou que son os pais dos alumnos os que están a facer a limpeza do local.
Estes "problemas de salubridad", denunciados polo PP foron rexeitados de xeito contundente polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, que indicou que "non temos ningunha denuncia, ningún escrito, ningunha reclamación de ninguén que se queixe de falta de limpeza nos centros escolares".
Aínda que é unha competencia doutra concellaría, Tino Fernández criticou que os populares xeren "alarmas inxustificadas, algo impropio dun cargo público que ten que actuar con moitísima máis responsabilidade de quen se enfronta a estas cousas".
Así mesmo tampouco ten noticias de que haxa pais facendo a limpeza nalgún centro escolar. "Iso é outra falsidade máis", comentou.
María José Rodríguez tamén criticou que o Concello non asinou o convenio coa Federación de ANPAS para a renovación do financiamento dos comedores escolares e do Plan Madruga. "Tino Fernández está tirando por la borda un trabajo que ha costado muchísimo esfuerzo", advertiu a vicevoceira popular ante un "riesgo de que el servicio acabe desapareciendo" ou que os pais teñan que pagar máis.
"O plantexamento do Partido Popular e moi perigoso porque o que está pedindo é que prevarique", afirmou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández.
O edil recordou que o pasado mes de abril o goberno aprobou a reforma do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, á Lei de Bases de Réxime Local, que rexe o funcionamento e as competencias, é dicir, o que poden ou non poden facer, os concellos. Mentres se redefinen estas atribucións o secretario municipal afirma que o Concello non pode renovar o convenio coa Federación de ANPAS, dotado con 206.000 euros.
O edil socialista descartou que exista risco de perder este convenio.