Queda inaugurada a carreira electoral para Europa
Por Redacción
A media noite deste venres 9 de maio arrancaba a campaña electoral para os comicios europeos do 25 de maio e carteis, pegamento, vasoiras e políticos de todos os signos volveron darse cita na praza de España.
Con menos festa que en anteriores citas electorais e actos máis deslucidos que noutras cidades para todos agás para o Partido Popular, quedou inaugurada unha carreira para conseguir votos na que, nesta ocasión, todos os partidos se enfrontan ao mesmo fantasma: loitar contra a abstención e desmobilización cidadá. Causou efecto entre todos o resultado da enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) dada a coñecer apenas unhas horas antes, na que o 23,8% dos españois en idade de votar aseguran que ten decidido absterse.
A tradicional pegada de carteis e o primeiro mítin de campaña reuniu un nutrido grupo de representantes, afiliados e simpatizantes do PP, pero apenas deixou presenza do resto de partidos. A causa foi evidente. Os 'populares' escolleron Pontevedra para comezar a carreira electoral en Galicia e desembarcaron na cidade o presidente, Alberto Núñez Feijoo e o principal candidato galego do partido para o 25-M e número 8 da candidatura europea, o pontevedrés Francisco Millán Mon.
O PSdeG-PSOE e o BNG, non obstante, tiveron unha presenza só testemuñal. Ambos os dous partidos desprazaron ata Vigo ás súas principais espadas para as eleccións, a nacionalista Ana Miranda e o socialista José Blanco. No caso do PSdeG, á pegada da praza de España acudiron o secretario local, Agustín Fernández; o tenente de alcalde, Antón Louro; e os deputados Guillermo Meijón e Patricia Vilán. Aos nacionalistas representounos o sindicalista Xabier Aboy.
A cita completouse cunha pequena representación de Ciudadáns, de modo que toda a atención na praza de España se centrou no espazo no que pegaba os seus carteis Millán Mon. Arroupárono, entre outros, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda; o presidente provincial, Rafael Louzán; o presidente e o voceiro locais, Telmo Martín e Jacobo Moreira; e outros cargos como José Benito Suárez Costa ou Encarnación Rivas.
No seu primeiro discurso da campaña, Núñez Feijóo destacou a importancia destas eleccións ao Parlamento Europeo, xa que Europa está presente en cada cidade, en cada vila e en cada parroquia galega: "Europa está aquí e, por iso, tamén aquí temos que votar e temos que decidir".