Ramallo lamenta a "falta de altura" da oposición en Marín co apoio do PP ás contas de Vigo
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Marín, María Ramallo (PP), cualificou de "decepcionante oposición e ningunha achega ao presuposto municipal" o acontecido no último pleno no que PSOE e BNG votaron en contra e Mar-In abstívose na votación dos presupostos para 2014. O pleno tivo que ser suspendido ás doce da noite sen chegar a tratar todos os puntos.
Ramallo recorda que "a normativa estatal variou considerablemente e en consecuencia existen unhas normas e regras básicas que é necesario cumprir". Deste modo o concelleiro responsable de asuntos económicos, Manuel Santos, explicou durante catro horas as diferentes partidas que conforman as contas municipais " e nos bancos da oposición por parte de ningún dos grupos se fixo ningunha achega, ningunha adición, ningunha reclamación e a todo se lle criticou", apuntou a alcaldesa, "unha gran decepción", engadiu.
María Ramallo compara a situación co acontecido en Vigo onde o Partido Popular apoiou o presuposto presentado pola Alcaldía, "eles poderían ter apoiado un documento que en época de crise é o mellor posible".