Os veciños de Ons non son propietarios das súas casas
Por Oskar Viéitez
Novo varapalo xudicial para os veciños da illa de Ons. Aos ollos da Xustiza os isleños son okupas, non propietarios das súas casas.
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de ditar sentenza contra un grupo de isleños de Ons que reclamaban que se lles recoñecese a propiedade das súas vivendas. A Audiencia ratifica, punto por punto, outra sentenza do Xulgado de Instancia número 3 de Pontevedra, que fai agora xusto un ano rexeitaba a pretensión dos isleños.
Segundo o tribunal provincial os demandantes non acreditaron debidamente que "posúan en concepto de dono as casas que habitan" polo que desestima totalmente as súas pretensións.
A sentenza afirma que "non basta con crer que se é dono", aínda que pasen máis de 100 anos, ademais hai que demostrar "a intención de facer a cousa como súa", unha circunstancia que non se dá neste caso, aínda que paguen licenzas ou taxas como o IBI.
O arquipélago de Ons seguirá considerado como un ben de dominio público, ao ser expropiados trala Guerra Civil no ano 1942.
Responsabiliza aos propios isleños por non pelexar polas súas casas
A sentenza da Audiencia responsabiliza aos propios isleños por non pelexar polas súas casas, "nin cando pasou ao Ministerio do Exército, nin cando pasa ao de Agricultura, nin cando a familia Riobó exerceu o seu dereito de reversión como antigo propietario da totalidade da illa, nin acudíndose como titulares de dereito dominical algún".
Non terminan aquí as oportunidades perdidas polos isleños, xa que recorda a sentenza que tampouco formularon reclamación algunha "cando a transmitiu o 100% da illa á Xunta de Galicia en 1984 como ben de dominio público, nin nas leis posteriores que reiteraban que a totalidade da illa era un ben de dominio público".
A sentenza non é firme e cabe recurso.