Un traballador resulta ferido ao precipitarse dende unha altura de cinco metros en Vilaboa
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida nun accidente laboral ao precipitarse dende unha altura mentres traballaba nunha obra en Vilaboa.
O home estaba subido ao andamio dunha casa en obras cando, segundo fontes consultadas, se desplomou parte do aleiro do tellado. A raíz deste incidente, o traballador caiu dende unha altura de cinco metros.
Fontes de Urxencias Médicas de Galicia-061 confirmaron que foi trasladado ao Hospital Domínguez de Pontevedra cun pronóstico incial de policontusions.
O accidente produciuse arredor das 11.00 horas deste martes 2 de outubro no lugar de Curra, na parroquia de San Adrián de Cobres, e ata o momento descoñécese o alcance das policontusións sufridas.
Segundo informa a Axencia Galega de Emerxencias, un particular alertou dos feitos ás 11.04 horas sinalando que se requería asistencia sanitaria para un traballador ferido nunha obra. Dende o 112 mobilizouse ao 061, Protección Civil de Vilaboa e a Garda Civil de Tráfico.
Fontes do 061 adiantaron que se trata dunha persoa precipitada dende unha altura aínda sen determinar e que se desprazou ao lugar do accidente laboral unha ambulancia asistencial e persoal de Punto de Atención Continuada (PAC) de Vilaboa.