O CIM de Ponte Caldelas atendeu máis de 700 consultas en 2013
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas atendeu durante o ano 2013 máis de 700 consultas, das cales o 51% se corresponderon á área xurídica e o 45% á atención psicolóxica.
Dentro do ámbito xurídico, o 33% das consultas centrouse nas materias de dereito de familia (separación e divorcio, unións de feito ou execución de sentenzas, entre outras). As consultas en materia de seguridade social, dereito penal e xustiza gratuíta representaron un 7%, 11% e un 12%, respectivamente. Na área de atención psicolóxica, o groso da atención prestada centrouse en problemas familiares, de parella e de violencia de xénero.
Os datos achegounos este luns o Concello de Ponte Caldelas durante a presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal entre Mulleres e Homes (PIOM) que se debaterá no Pleno da Corporación do próximo xoves. Presentárono o alcalde, Perfecto Rodríguez; a concelleira de Igualdade, Martina Freire; e a directora do CIM, Paula Casal Canabal.
Un dos obxectivos do III Plan de Igualdade baséase nos labores de prevención e loita contra comportamentos sexistas e machistas. Así, as encargadas de redactar este proxecto centran parte da súa actuación nos centros escolares do municipio, tanto os colexios de ensino infantil e primario coma o propio instituto de Ponte Caldelas. Dentro do plan está previsto que se aborden grupos de traballo relacionados coas novas tecnoloxías, Internet e redes sociais e como se exerce control, acoso e violencia a través destes elementos co fin de previlos e erradicalos.
Perfecto Rodríguez recordou que, dende o Concello e o propio CIM, se manteñen alerta ante a sospeita ou a posibilidade de que se poida producir algún caso de violencia de xénero, en contacto directo co Centro de Saúde, co fin de atender dende o minuto cero a calquera vítima desta índole poñendo á súa disposición asistencia xurídica e psicolóxica gratuíta, así como todos os mecanismos dos que dispón o Concello para prestar a axuda necesaria como os programas realizados polos propios Servizos Sociais do Concello e que en moitos casos as afectadas descoñecen.