Desbloqueado o convenio con Defensa para reordenar o parque de vivendas militares de Campolongo
Por Alejandro Espiño
Dous meses. ÿ o prazo que se marcan o Concello de Pontevedra e o Instituto da Vivenda, Infraestruturas e Equipamentos da Defensa (INVIED) para formalizar o convenio que consolidará como espazo público unha importante peza urbana. Trátase do parque de vivendas militares situado no barrio de Campolongo, concretamente entre Fernández Ladreda, General Rubín, Rúa da Tablada e Rosalía de Castro.
O acordo, que ambas partes levan negociando dende 2005 e que conta con informe previo favorable da Xunta dende 2010, permitirá abrir á cidade un espazo de máis de 30.000 metros cadrados. Trala modificación do Plan Xeral , que levará entre catro e seis meses, o Instituto deberá proceder a urbanizar ambos polígonos, que deixarán de ser polígonos residenciais privados para pasar a ter carácter público. O investimento chega aos 750.000 euros
Está prevista a construción de tres novos edificios con algo máis de 50 novas vivendas na zona. Pero a principal novidade refírese ao parque de vivendas militares existentes nestes dous ámbitos, que totaliza unhas 250. Os responsables do INVIED calculan que poden comezar o alleamento destas vivendas cara finais de 2013 ou principios de 2014.
Antón Louro, concelleiro de Urbanismo, explicou que a modificación urbanística destes dous ámbitos urbanos permitirá completar a cidade nas proximidades de Campolongo, mellorando algunhas rúas, abrindo os interiores dos antigos recintos residenciais militares e creando espazos públicos. Ademais, lembrou, o Concello pasará a dispoñer dos dous novos locais, que poderá ceder aos veciños de Campolongo e Estrigueiras.
De acordo co convenio, o primeiro ámbito está situado entre as rúas Fernández Ladreda e Xeneral Rubín e delimitado tamén polas rúas da Tablada e Sebastián González García-Paz. Conta con 24.229 metros cadrados. A segunda finca, denominada "Mollabao Norte", está entre a rúa Manuel de Palacio e Rosalía de Castro cunha superficie de 5.373 metros cadrados.
No primeiro caso (Fernández Ladreda-General Rubín) o convenio posibilitará a modificación do uso residencial actual, vencellado ao Patronato de Casas Militares, por un uso residencial colectivo intensivo de acordo coa edificabilidade que concede o Plan de Urbanismo. Construiranse dous edificios con alturas máximas de baixo máis seis plantas e baixo cuberta.
Asemade, se completarán e reaxustarán as aliñacións e rasantes do Camiño da Tablada adaptando as previstas no Plan á realidade física existente na zona. A cambio abrirase un vial entre o Camiño da Tablada e Fernández Ladreda, un aparcamento soterrado e a cesión ao Concello dun local de 479 metros cadrados en planta baixa e semisótano. Finalmente, amplíanse as zonas verdes e espazos libres.
No ámbito Mollabao Norte construirase un único edificio de baixo e cinco plantas proxectado especificamente para tapar unha antiestética medianeira. A ordenación permitirá crear unha praza pública como espazo centralizador do solo urbano circundante, aberta á rúa Rosalía de Castro, e con posibilidade de conexión a Manuel del Palacio. Terá 3.856 metros cadrados e ampliarase a superficie do colexio anexo en 108 metros cadrados.