Louro proporá o estudo do convenio de Tafisa para reclamarlle o mantemento dos postos de traballo
Por Redacción
A comisión de Urbanismo que se desenvolverá o martes 27 estudará unha proposta do tenente de alcalde, Antón Louro, para analizar o grao de cumprimento do convenio que o Concello asinou con Tafisa en 2003, con motivo da recualificación dos terreos que ocupaba a fábrica a beiras do Lérez, e a actualización dese acordo no ano 2005.
Antón Louro cre que, ante a decisión da empresa do grupo Sonae de iniciar un ERE extintivo, lle corresponde ao Concello unha actuación administrativa e por ese motivo, propoñerá que a Asesoría Xurídica elabore un informe exhaustivo sobre a vinculación e a esixibilidade das cláusulas relativas ao mantemento dos postos de traballo e analice posibles vías de actuación municipal.
O convenio do 7 de maio de 2003, segundo fontes socialistas, inclúe na súa cláusula quinta que "Tafisa se compromete a poñer en marcha as súas novas plantas que manteña o emprego actual dentro da comarca de Pontevedra nun prazo estimado de seis meses". Na actualización de agosto de 2005 recóllese, na cláusula cuarta: "Con respecto á actividade industrial e mantemento do emprego, Tafisa mantén os seus compromisos do convenio de 2003, concretados a día de hoxe en dúas liñas de tarima flotante, unha liña de revestimento de melamina e unha liña de encolamento na súa planta da Reigosa,".
Segundo Antón Louro, o Concello cumpriu o pactado e, por ese motivo, Tafisa puido vender os terreos, nunhas condicións determinadas á promotora Lar, que actualmente é titular do solo. O concelleiro de Urbanismo entende que Tafisa quedaba obrigada a manter os postos de traballo na nova planta da Reigosa (Ponte Caldelas) e por iso reclama que se estude de que xeito se pode esixir ese compromiso.
Relacionadas:
-
O persoal de Tafisa demanda ao PP unha entrevista urxente coa Xunta
Por Redacción |
-
O convenio de Tafisa non obriga a que se manteña na comarca, pero Pontevedra tratará de presionalos
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán sobre o peche de Tafisa e de Crespo: "ÿ un problema extremadamente grave"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Lores solicitará entrevistarse coa dirección de Tafisa para intentar frear o peche
Por Redacción |
-
O persoal relaciona o peche de Tafisa co final do compromiso da empresa co Concello de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |