As fortes chuvias provocaron inundacións en Pontevedra
Por Redacción
Durante a tarde noite do martes 20, as fortes chuvias que alcanzaron os 15 litros por metro cadrado causaron problemas de inundacións nalgunhas rúas de Pontevedra. A zona do Gorgullón, Eduardo Pondal ou Fernando Olmedo volveron rexistrar zonas nas que a auga non se filtraba pola rede de sumidoiros.
Tamén como consecuencia do forte vento caía un farol da Praza de Galicia en Campolongo sen que se producisen outros danos.
Segundo publica o Faro de Vigo rexistráronse tamén incidentes similares nos concellos de Poio, Barro e Marín.
Durante a xornada deste mércores establécese a alerta laranxa na zona do litoral porque está prevista a presenza de mar de fondo con ondas que superen os catro metros de altura. Esta alerta manterase tamén para a xornada de mañá, xoves.