Lores atenderá os antifranquistas
Por Redacción
Un grupo de mozos pertencente á Asociación pontevedresa A Revira presentou no rexistro do Concello un escrito no que solicita a retirada de toda a simboloxía franquista que se encontra nas rúas de Pontevedra, cinco anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica.
O grupo denuncia que teñen localizadas arredor de media ducia de placas pero cren que existen moitas máis aínda que apuntan que Pontevedra conta con menos símbolos da época ditatorial en relación con outras cidades galegas "o caso máis grave é o da Coruña onde aínda hai nomes de rúas da época franquista". Así fala Xosé Vicente, portavoz deste colectivo que, ante as críticas de aqueles que entenden que a presenza destas placas axuda a lembrar o que sucedeu apunta que "nós pensamos que non é así. Non están nun museo de historia do franquismo onde se recollan todos os actos que se cometeron. Son símbolos para exaltar que foron os que gañaron a guerra e que son un réxime que domina".
Neste sentido sinalou que "pensamos que é unha cuestión interesante cara o futuro, sobre todo nunha época de crise onde agroman alternativas fascistas, para mandar unha mensaxe de que non estamos dispostos a que se volva repetir".
O concelleiro Demetrio Gómez mantivo unha conversación cos membros da Revira para indicarlles que o Alcalde quere reunirse co colectivo para atender a súa iniciativa, malia que indicou que habería que observar as competencias municipais para afrontar estes cambios.