Ponte Caldelas ofrecerá máis de 800 quilos de troita na súa festa gastronómica
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, presentaron a edición número 48 da Festa da Troita, que se celebrará os días 31 de maio e 1 de xuño, e que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Os organizadores prevén que durante os dous días de celebración deste evento gastronómico o público asistente aos postos de degustación consuman máis de 800 quilos de troita preparada nas súas diversas modalidades, fundamentalmente fritas e en escabeche a uns prezos populares de tan só 4 euros. O horario de apertura dos postos será o sábado de 19 a 22 horas e o domingo de 12 a 14:30 e de 19 a 21 horas.
As troitas, fritas e en escabeche, terán uns prezos populares de tan só 4 euros
O programa de festas considera tamén a presenza de diversas ofertas lúdico-culturais que comeza o propio venres coa inauguración, cunha exposición pictórica de Carlos Vidal Seoane e o certame de corais.
O sábado pola tarde, están programados bailes tradicionais e modernos e unha verbena a partir das 22 horas na Alameda.
A Banda de Música de Barro animará a mañá do domingo cun pasacalles e concerto na Alameda. Ás 13 horas procederase á entrega dos trofeos do Campionato de Pesca e á tarde, a partir das 18:30 horas, poñerán o fin de festa as actuacións do VII Festival de Baile, na Alameda.
Outro dos obxectivos prioritarios da Festa da Troita, segundo Perfecto Rodríguez, é "reactivar la economía del comercio local de Ponte Caldelas, en especial del sector de la hostelería".
CONCURSO INTERNACIONAL DE PESCA
En canto ao Concurso de Pesca Deportiva que se desenvolverá durante os días 31 de maio e 1 de xuño nas marxes do río Verdugo, o alcalde de Ponte Caldelas manifestou que o número de inscritos na proba roldará o centenar de espectadores xa que aínda que non está pechado por completo o proceso de inscrición, os datos avanzan que estarán próxima a esa cifra.
Trátase dunha cita obrigada para os amantes da pesca de río e sinalou que este evento está presente no calendario dos afeccionados de toda Galicia e norte de Portugal como o demostra a afluencia de pescadores e visitantes da Eurorregión que fan deste certame un dos máis esperados da tempada e que gaña, cada vez, máis adeptos.
FESTA SOSTIBLE
O evento volverá estar caracterizado polo seu compromiso activo en favor da sostibilidade, a concienciación cidadá e a integración social dos colectivos que habitualmente colaboran con esta festa como os alumnos da Fundación Juan XXIII, que exercen funcións de "Axentes Verdes" axudando a concienciar a cidadanía a favor da conservación e respecto polo medio.
Nos últimos anos o Concello de Ponte Caldelas esforzouse por darlle unha marca de compromiso social a esta festa e de calidade ambiental. Así, no posto de degustación instalado na Alameda, e co obxectivo de "residuo 0", volveranse utilizar pratos, manteis e panos da mesa de materiais que favorezan a súa posterior conversión en compost, xunto cos residuos orgánicos procedentes da degustación popular de troitas.
Relacionadas:
-
Abre o plazo para participar nos concursos de carteis e fotografías da Festa da Troita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas rende tributo á súa 'xoia gastronómica' coa XLVIII edición da Festa da Troita
Por Redacción |
-
Un trivial para aprender a separar e reciclar
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas goza coa primeira edición da BTTroita
Por Redacción |
-
Presentan o cartel da XLVIII Festa da Troita
Por Redacción |