As traballadoras do servizo de atención a domicilio inician mobilizacións
Por Oskar Viéitez
As traballadoras do servizo de axuda a domicilio do Concello de Pontevedra mobilizaranse para defender os seus postos de traballo.
Tras asinar o contrato de adjudicación deste servizo en febreiro do pasado ano, a empresa Clece comprometíase a asumir os contratos das 54 traballadoras que antes dependían da Cruz Vermella.
Agora a presidenta do Comité de empresa, Carmen Villar, denuncia que a empresa está cometendo "numerosas irregularidades cos contratos" polo que se concentrarán nos próximos días ante a delegación de Clece na rúa Rosalía de Castro.
Entre outros incumplimientos citan o atraso nos pagos, que os salarios están conxelados, non se respecta o tempo para os desprazamentos, non se informa ao comité sobre a situación económica da empresa, ou que non se aplica o convenio de Hospitalización, que é o que regula a situación destas traballadoras.
Estas irregularidades xa foron denunciadas ante a inspección de traballo pero ademais o representante de Comisións Obreiras, Eusebio Xusto, demandou a implicación da concelleira de Benestar social, Carmen Fouces, para presionar á empresa "porque non queremos que isto repercuta nos usuarios".
"Queremos que a concellaría lle abra un expediente a Clece que poida concluír coa rescisión do contrato, e o rescate da concesión, por incumplir cos traballadores", apuntou o sindicalista. Con todo, a secretaria do Comité de empresa, Ana Rosales criticou "certo ocultismo" por parte do concello por non facilitarlles datos deste contrato.