O BNG urxe o Goberno a repoñer a area das praias afectadas polos temporais do inverno
Por Redacción
O BNG mostra a súa "inquedanza" ante o feito de que Costas "aínda non se puxo a traballar" para repoñer a area das praias galegas que foron danadas polos temporais que afectaron a Galicia durante o pasado inverno. Así se recolle nunha iniciativa parlamentaria presentada por Olaia Fernández Dávila no Congreso dos Deputados. Nela, insta ao Goberno a axilizar a rehabilitación destes arenais.
Fernández Dávila cita expresamente praias como A Lanzada (O Grove) e Bascuas (Sanxenxo) que necesitan, segundo a súa opinión, "actuacións urxentes" para recuperar o seu aspecto habitual.
A deputada nacionalista manifesta a preocupación do seu partido porque ante o inminente inicio da tempada de verán, "moitas destas praias sigan sen area apenas". Recorda que moitas delas teñen bandeira azul e son "reclamos turísticos de gran importancia".
Dávila sostén que "un dos impactos máis preocupantes" que os temporais provocaron no ámbito medioambiental galego produciuse nas praias e que habitantes da zona, así como entidades económicas, a hostelería ou o comercio "miran con preocupación e nerviosismo a despreocupación que existe en relación ao estado das praias afectadas".
En todo caso, o BNG espera que estas actuacións "respecten sempre o medioambiente" para evitar así situacións como a que se está producindo en praias das coruñesas, onde os nacionalistas denuncian que se está repoñendo con area gris.