Lores asegura que a abdicación do Rei debería aproveitarse para "dar o cambiazo" a unha República
Por Redacción
A nova da abdicación do Rei Don Juan Carlos I atopou eco, como era de esperar, na política municipal. O primeiro en valoralo foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen destacou que este cambio á fronte da monarquía debería aproveitarse para "dar o cambiazo" e buscar un novo modelo de Estado votado polos cidadáns "que non ten que ser outro que un sistema elixido polo pobo".
Fernández Lores, que se define como "republicano galego", instou a impulsar este cambio, sobre todo tendo en conta, dixo, que a monarquía "é unha herdanza do franquismo e representa un sistema corrupto que é cruel cos cidadáns". Neste sentido, insistiu, o BNG aposta por un modelo "republicano e galego".
Todo o contrario que o seu socio de goberno, o socialista Antón Louro, quen afirmou que a abdicación do Rei "marca un antes e un despois na historia de España". O portavoz do PSdeG-PSOE en Pontevedra, mostrou o seu desexo de que "os próximos 40 anos sexan igual de fructíferos que os últimos, onde se consolidou a democracia, se avanzou cara unha convivencia cidadá e tamén cara unha convivencia dos pobos e culturas que conforman España".
Louro sinalou que espera que "o que se teña que producir agora, se produza dentro das canles que están previstas na Constitución e no marco xurídico vixente".
Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, limitouse a asegurar que "estamos expectantes". Afirmou que, sen ningunha dúbida, "estamos en un momento histórico en España". O edil do PP concluíu cun "vamos ver como evoluciona todo esto".
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, calificou ao Rei Juan Carlos I de "figura histórica irrepetible", destacou que coa súa abdicación "deu outro exemplo máis de servizo ao país ao poñelo por riba dos seus propios intereses" e valorou que a súa decisión "supón abrir un Novo Tempo e unha nova etapa na historia de España". Para o presidente da Deputación, os problemas de saúde e a propia idade do Rei foron, entre outros, algúns dos motivos polos que decideu abdicar.
OUTRAS REACCIÿNS
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) valora a decisión do Rei de abdicar a coroa como un "acto de xenerosidade" e, sobre todo, de "lealdade a España". A CEP enxalza a preparación do futuro Felipe VI e o seu traballo en defensa dos intereses das empresas españolas.
Monseñor Julián Barrio, arcebispo de Compostela, manifestou o seu "máximo respecto" á decisión adoptada por Juan Carlos I de abdicar a Coroa. "Mostrar o noso agradecemento polo xeneroso traballo e servizo levado a cabo polo monarca nestes longos anos", dixo o arcebispo compostelán.
A Confederación Intersindical Galega (CIG), considera que o anuncio da abdicación do xefe do Estado español responde a "unha manobra para intentar garantir a continuidade da monarquía e do propio sistema". A CIG entende que a monarquía é unha institución "anacrónica e antidemocrática" que ten, "para o sistema xurdido dese fraudulento proceso de transición, o fin único de garantir a unidade de España e a defensa dos intereses de clase da oligarquía española".
A coordenadora comarcal de EU en Pontevedra Vanessa Angustia considera que Pontevedra ten que ser un dos referententes de mobilización popular pola III República ante a oportunidade que temos de trocar o réxime obsoleto da monarquía e traer unha República que además mude o modelo económico, social e político que xenerou a transición.
Para Espazo Ecosocialista, agora xa non se trata soamente dun "cambio de tronos" senón de abordar un novo proceso constituínte "para unha nova democracia que permita abordar os aspectos que durante a chamada transición non se puideron abordar pola tutela das forzas provintes da ditadura, entre elas a da xefatura do estado".
Relacionadas:
-
O BNG de Pontevedra di si á República e non a un referendo
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE de Pontevedra reclama a celebración dun referendo sobre a Monarquía
Por Oskar Viéitez |
-
Os republicanos esixen un referendo sobre o futuro da monarquía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Rei abdica
Por Redacción | Creada e actualizada