Portugal compra máis do 80% da anguía que capturan os naseiros de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez
Máis do 80 por cento das capturas anuais de anguía dos naseiros de Ponte Sampaio destínase a Portugal. Segundo explicou o presidente da Asociación de Naseiros Alvedosa, Antonio Álvarez, o pasado ano pescáronse 38.000 quilos de anguías, por enriba da media dos últimos anos que vai de 20.000 a 30.000 quilos.
Curiosamente unha parte das anguías viaxa a Xapón onde son empregadas na guerra biolóxica para combater unha praga de parasitos que está a decimar os arrozais do país nipón. As anguías da enseada de San Simón demostraron ser un perfecto aliado dos agricultores para controlar esta praga.
En total son 32 embarcacións autorizadas de Ponte Sampaio, Arcade, Cesantes, Redondela e Vilaboa, agrupados nesta asociación, os que traballan neste punto da ría de Vigo.
Aínda que lamentan que este produto non sexa moi apreciado entre os pontevedreses, agradecen que en mercado portugués siga demandando a práctica totalidade das capturas antes de pescar, "e ademáis cun bo prezo de 12 euros en orixe", detallou Antonio Álvarez. Os naseiros son os que fixan o prezo por quilo para toda a campaña en virtude dun acordo comercial con compradores portugueses que lles garanten a saída do produto.
Antonio Álvarez deixará o día 28 o seu cargo como presidente desta asociación despois de 16 anos á fronte desta. Este "naseiro" quéixase do paro biolóxico de tres meses para a anguía imposto pola Unión Europea (UE) unha parada obrigatoria que carece de sentido nas rías galegas xa que tan só responde, segundo dixo a que "Alemaña e Holanda esquilmaron esta especie e agora temos que pagar xustos por pecadores".
A pesar de que o mercado local apenas supón o 5%, os naseiros de Alvedosa insisten na necesidade de manter a Festa da Anguía, que este ano alcanza a súa 19 edición, dentro do calendario de eventos gastronómicos do Concello de Pontevedra.
Con este propósito este martes a Asociación asinou co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores un convenio anual de colaboración polo cal a asociación recibirá 10.000 euros para continuar con esta tradicional festa de exaltación.