A Xunta intentará, este xoves, presionar a Sonae e forzar a continuidade de Tafisa
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que, este xoves 5, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) manterá unha reunión coa dirección do Grupo Sonae na que se tratará coa empresa o peche da fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas.
Rueda sinalaba na mañá deste mércores 4 en Pontevedra que se concederon axudas no seu momento a través do IGAPE e esas axudas teñen unha serie de condicionantes. "Vamos a facer todo o posible para que se manteña a empresa tendo en conta que ao final son decisións empresariais pero como nós tamén tivemos unha intervención como administración pública a través das axudas", indicou o representante da Xunta de Galicia que insistiu en que dende a Administración autonómica van poñer esas axudas concedidas á empresa para a actividade en Tafisa e esixir que se cumpra o acordo.
Os representantes dos traballadores non foron convocados a este encontro. O persoal encóntrase, durante estas xornadas, preparando a viaxe á localidade portuguesa de Maia en Portugal para concentrarse alí o próximo venres 20 de xuño.
VISITA A NODOSAFER
Estas declaracións realizábaas Alfonso Rueda durante a súa visita ás instalacións de Nodosafer, situadas en Rosalía de Castro. Trátase dunha empresa dedicada á fabricación e a reparación da maquinaria especializada que segundo o xerente do grupo Nodosa, Juan José Novás, recibe agora axudas con outras catro empresas para innovación.
Segundo explicaba Rueda, "o traballo aquí é punteiro" e para este programa destínanse 900.000 euros, cunha achega de 700.000 euros a través da Axencia Galega de Innovación. O vicepresidente sinalou a importancia de que as empresas galegas aproveiten as axudas europeas destinadas a innovación e investigación. "Hai que modernizarse e evolucionar", apuntou.