Deteñen o condutor que atropelou unha moza en Canelas e se deu á fuga
Por Natalia Puga
Unha investigación coordinada da Policía Local de Sanxenxo e a Garda Civil permitiu a detención do condutor que na mañá do domingo 18 de novembro atropelou unha moza ás portas da discoteca Canelas e deuse á fuga.
Fontes da Policía Local de Sanxenxo confirmaron que o detido é un veciño de Noalla de 20 anos que responde ás iniciais J.M.G.B. Logo de ser detido, pasou a disposición do Xulgado de Garda de Cambados e foi posto en liberdade con cargos.
Ao mozo impútanselle os delitos de omisión do deber de socorro e condución temeraria con resultado de lesións graves imprudentes, xa que a consecuencia da súa actitude ao volante unha moza resultou ferida e tivo que ser hospitalizada.
Segundo permitiu desvelar a investigación, o mozo conducía un Volkswagen Polo de cor vermella cando arroiou a unha moza que cruzaba un paso de peóns ás portas de Canelas. A continuación, deuse á fuga, pero varias testemuñas recolleron datos que facilitaron inmediatamente á Policía Local de Sanxenxo.
Tras o arropello e posterior fuga, o condutor escapou ata Samos (Lugo)
Cos datos recompilados, a Policía Local puxo en marcha un dispositivo de rastrexo do vehículo no que colaboraron axentes municipais do Grove, Poio, Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, ademais da Garda Civil do posto de Sanxenxo e a Garda Civil de Tráfico.
Finalmente, a Policía Local logrou identificar ao mozo condutor e pescudou que tras o atropelou fuxiu cara a Samos, na provincia de Lugo. Coa colaboración da Garda Civil de Sanxenxo púxose en contacto co Instituto Armado de Samos co resultado de que na tade deste mércores o propio condutor presentouse voluntariamente no cuartel.
Unha vez que o mozo chegou a Sanxenxo, foi detido pola Garda Civil e posto a disposición xudicial.