A Brilat planifica xa a operación 'Centinela Gallego' e en setembro comezará o seu adestramento para Mali
Por Natalia Puga
A Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) celebrou este sábado o seu 48 aniversario cunha parada militar na base General Morillo de Figueirido na que o xeneral, Luis Cebrián Carbonell, fixo repaso aos plans a curto e medio prazo da brigada e anunciou que xa están "trabajando con el planeamiento inicial" da operación de prevención contra os incendios forestais 'Centinela Gallego' e coa vista posta na súa futura misión en Malí, para a que comezarán o seu adestramento en setembro.
En relación coa operación' Centinela Gallego', avanzou que na brigada xa recibiron os primeiros documentos para activar o operativo este ano, pero que aínda non teñen unha data para a súa posta en marcha, senón que "eso es una decisión que toma la Xunta". No momento en que o Goberno galego o decida, a Brilat estará "en condiciones de reaccionar".
Os detalles concretos da edición 2014 aínda descoñécense, pero a previsión é que non haberá "grandes diferencias con lo que suele ser habitual", pois o patrón da operación está "muy consolidado" a raíz da experiencia dos últimos anos e o concepto seguirá sendo o mesmo. Así mesmo, as zonas nas que se despregarán patrullas militares serán aproximadamente as mesmas e tan só haberá "pequeños ajustes" derivados da experiencia do ano pasado.
A misión de Mali, na que se despregarán cen efectivos da brigada, xa fora confirmada por varias fontes militares con anterioridade. Este sábado, o xeneral Cebrián reiterou que a previsión é que antes de que remate o ano a unidade terá que despregarse para facerse cargo da operación.
Os efectivos a despregar serán fundamentalmente da base da Brilat en Figueirido (e non dos acuartelamentos de Asturias e Valladolid) e o seu labor será a continuidade da misión que actualmente está aberta, unha misión de adestramento das Forzas Armadas locais de Mali para que, no futuro, poidan soster por si mesmos o esforzo da campaña militar que están a levar a cabo para manter a seguridade do seu país.
Cando se despregue a brigada non haberá cambios operativos nin no obxectivo da misión nin na organización operativa que hai despregada xa na actualidade en zona de operacións. Para prepararse, os militares que finalmente asuman a misión comezarán un ciclo de adestramento operativo específico que comezará uns meses antes do despregue, en concreto, "en algún momento a partir del mes de septiembre".
A parada militar, a primeira que presidiu Cebrián como xeneral da Brilat, serviu para honrar, como é habitual, aos que deron a súa vida por España e interpoñer condecoracións e recoñecementos aos que se distinguiron pola súa achega á brigada no último ano.
O momento máis emotivo e que espertou o aplauso de todo o público presente protagonizouno o fillo do cabo primeiro Pablo Ucha. O militar faleceu en maio de 2013 ao termo da súa sesión habitual de adestramentos na base e este sábado concedéuselle a título póstumo a Cruz ao Mérito Militar con Distintivo Amarelo, que o xeneral lle impuxo ao seu fillo menor de idade.
Así mesmo, condecorouse en distintas ordes e por diferentes motivos a 28 militares da Brilat e outorgouse un recoñecemento ao valor a sete militares da brigada, todos eles da Unidade de Zapadores, polos seus méritos durante a última misión en Afganistán. O capítulo de recoñecementos completouno a imposición dunha gravata de tres tintas ao Guión da Brigada por tres misións en Afganistán e a concesion do premio Azor ao escritor Alfonso Ussía pola súa "contribución a que los españoles conozcan y valoren" á Brilat.
Relacionadas:
-
Lores fai as paces coa Brilat mentres Louzán se enfunda a boina
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Brilat regresará de Mali de xeito inminente
Por Natalia Puga |
-
A Brilat asume en Afganistán a seguridade da Base de Apoio e aeroporto de Herat
Por Redacción |
-
Eles vanse contentos, os nervios quedan cos de casa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os 90 militares da Brilat que asumirán a misión en Mali viaxarán en novembro
Por Redacción |
-
A misión da Brilat en Mali aplicará medidas de prevención ante o ébola
Por Redacción |
-
A Brilat conclúe a vixilancia dos montes galegos cun cento de avisos por incendios
Por Redacción |
-
Os militares da Brilat inician o seu despregamento polos montes galegos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Defensa e a Xunta asinan o convenio para a vixilancia dos montes, que comeza o martes
Por Natalia Puga |
-
A Brilat estrea mascota polo seu 47 aniversario
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |