Panorama, Carlos Baute e Rosana porán banda sonora ao Carme de Marín
Por Redacción
As festas do Carme de Marín deste ano non terán as habituais galas de anos anteriores. O Concello e a comisión de festas substituíronas da programación festiva por dous concertos de artistas recoñecidos: Carlos Baute e Rosana. Serán, xunto á orquestra Panorama, os pratos fortes da programación.
O Concello presentou a programación do Carme esta fin de semana como resultado do traballo coordinado dun equipo liderado polos concelleiros de Cultura e Festas, Beatriz Rodríguez e Luis Lago. Os actos comezarán o xoves 10 coa celebración de San Cristóbal e prolongaranse ata o propio 16 de xullo, festividade do Carme. Os días nos que e condensan todos os esforzos serán o sábado 12 e o domingo 13 de xullo.
Carlos Baute actuará o sábado 12 ás 23.30 horas no parque Eguren e Rosana o domingo 13 no mesmo lugar e hora. A quenda da orquestra Panorama será o martes 15 de xullo e o resto da semana haberá actuacións das orquestras Xacobeo (12), Pontevedra (13), Marbella (14) e Televisión (16) na praza de España.
O goberno local e a comisión de festas traballaron coa premisa de non aumentar o gasto de anos anteriores e, ao mesmo tempo, "facer o imposible para que Marín se encha de xente", pois "as nosas festas son un valor e un puntal económico para a nosa hostalaría".
Para deseñar o cartel, este ano o Concello elixiu ao Estudo Bravú dentro do seu afán por apostar polos novos valores. Dende que se estableceron en Marín en 2012, os dous artistas que o compoñen realizaron diferentes traballos no os campos da ilustración, o deseño e a decoración como a publicación do seu libro Toreromaus coa editorial Fulgencio Pimentel ou a participación na antoloxía de cómic Terry xunto con importantes autores do panorama internacional. En Marín xa deseñaron o cartel da campaña educativa 'Fala en galego, porque es de Marín'.