Recordo a Jorge Domínguez e David Raposeiras: 'Entre a santa compaña dos inmortais galegos'
O alcalde máis novo de Pontevedra, o primeiro edil de Cotobade, Jorge Cubela, rinde o seu particular tributo a dous rexidores aos que acabamos de decir adeus. Jorge Domínguez (Meaño) faleceu este martes 20 de novembro. David Raposeiras (Forcarei) o 29 de xaneiro pasado. Os dous pereceron despois dunha dura enfermidade e cunha idade similar: 53 anos o primeiro e 51 o segundo.
Nos maiores sentimentos, grandes reflexións.
Xeralmente, este pode ser o retracto pictórico dunha obra de arte sobre os outonos ásperos e duros.
Non me considero o alcalde da provincia de Pontevedra que estea máis autorizado para falar sobre compañeiros de cargo institucional porque un que escribe leva escasamente 15 meses no posto, pero hoxe que tiña a oportunidade de escribir sobre varios asuntos de actualidade elixín falar das persoas e do que son e representan nun día que me lembrou ao pasado 29 de xaneiro nas terras de Aciveiro do presente exercicio anual.
Eu, que tiven ascendencia familiar-política no mesmo concello no que milito como alcalde, sempre admirei desde pequeno aos alcaldes que podía coñecer a través da prensa, limítrofes co meu concello, pola defensa que exercían dos seus pobos, das súas aldeas, dos seus veciños sempre vía a figura dos alcaldes e os concelleiros, fosen do partido que foren, como xentes de ben con ganas de contribuír a mellorar as cousas nos seus lugares próximos sen os criminalismos entre partidos que se viven nos arcos parlamentarios de ámbitos superiores.
Coñecín por pouco tempo a David Raposeiras e a Jorge Domínguez, alcaldes de Forcarei e Meaño. Ambos, alcaldes durante varias lexislaturas. Ambos, alcaldes de concellos de menos de 10.000 habitantes, eses que tanto gusta pór en dúbida sen ter consciencia da rapidez e proximidade coa que prestan os seus servizos, é dicir, desde os propios despachos dos seus alcaldes. Eran dúas persoas xenerosas, próximas e sinxelas. Deixaron pegada entre os seus máis próximos. Os que pouco os puidemos tratar, nos días das súas despedidas é cando un sente a alegría entre comiñas de saber que os centos de persoas que acudiron os seus ataprontos o fixeron coa gratitude cara a dúas persoas nas que case sempre seguro que atoparon respostas e axuda. Eu sempre trato sacar o aproveitable das situación máis duras. No pasamento de este tipo de seres que naceron para ser especiais, pódese reafirmar que moitos tratarán de que o seu exemplo non se durma.
Eu sempre conto con orgullo que na miña última intervención na campaña das pasadas municipais me despedín a pulmón cunhas palabras do último discurso de Castelao en vida, na Alba de Gloria, dicindo así : Podemos imaxinar unha Santa Compaña de inmortais galegos, en interminable procesión... o vindeiro domingo vos pido que haxa unha santa compaña de cotobadeses
Evocación que se algún me coñece ou sabe un pouco como penso entenderá o significado ideolóxico que lle quixen dar á miña última intervención na miña primeira campaña como amateur na política, esa nobre arte da que os alcaldes practicamos todos os días o seu concepto máis clásico, servir ao pobo: desde o pobo, para o pobo e polo pobo.
Para a ocasión, por todo o exposto, pediríavos que incluírades nesa interminable lista de inmortais galegos que Castelao estableceu en Alba de Gloria a estes defensores da Galicia presente, dos vosos pobos e das súas tradicións, a David e a Jorge, que están no ceo máis próximo, onde pacen os bos e xenerosos dos versos de Pondal.