Un transporte especial de eólicos atasca Cotobade
Por Diego Torrado
Axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra tiveron que regular o tráfico este luns na estrada N-541 ao seu paso por San Xurxo de Sacos (Cotobade) a raíz da avaría rexistrada nun transporte especial que trasladaba unha peza dun muíño eólico.
Por motivos que se descoñecen, a base do remolque do transporte especial cedeu e o muíño eólico rematou apoiado na calzada, de modo que o vehículo non puido seguir o seu camiño e obstaculizou un carril da calzada durante varias horas, ata que chegou o relevo.
Os feitos se produciron pasadas as 13.30 horas deste luns e mentres se buscaba un transporte alternativo para a peza do muíño os axentes tiveron que regular a circulación na N-541. Non foi necesario cortar a estrada pero si un carril, de modo que os efectivos de tráfico tiveron que dar paso alternativo aos vehículos que circulaban nun e outro sentido da circulación.
A situación xerou retencións en varios momentos do mediodía.