Case 1.600 rapaces pontevedreses participarán este ano nas ludotecas municipais de verán
Por Redacción
Volven as ludotecas municipais de verán. E o fan con máis prazas que nunca. Ata 1.580 nenos pontevedreses poderán participar nelas fronte aos 1.200 do ano pasado. Forma parte do esforzo que fan o Concello de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Nais e Pais, para que "ninguén quede fóra", segundo destacou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, na presentación deste programa lúdico e educativo.
A oferta deste programa, que ten un custo para as arcas municipais próximo aos 60.000 euros, está aberto a todos os rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra. O custo para as familias mantense nos 30 euros por quincena, se ben este prezo é para os socios de ANPA federada. As familias non socias deberán pagar 40 euros. Trátase, segundo Agustín Fernández, do mesmo prezo de anos anteriores.
En cada quincena de xullo e agosto ofreceranse distintas actividades formativas e de lecer, que xirarán ao redor de propostas temáticas diferenciadas: "A gran aventura celta", "Quimicociñeiros", "Musicarte" e "Con punta, papel e tinta". Serán catro quendas para as urbanas e dúas quendas mensuais para as rurais. As urbanas organízanse nas instalacións dos colexios Campolongo, Manuel Vidal Portela (en inglés), Marcos da Portela e Álvarez Limeses. As rurais serán en Cabanas (Salcedo), Pontesampaio, Vilaverde (Mourente) e Xeve.
O edil socialista destacou que estas ludotecas tratan de axudar aos pais a conciliar a vida familiar e laboral durante as vacacións escolares. De aí que se manteña o horario ampliado entre as 9 e as 14 horas. O horario aínda é ampliable ata as 8.45 horas e as 14.30 horas nalgunhas delas, sempre que se xustifiquen motivos laborais. En canto aos servizos de almorzos e comedor prestaranse nos colexios de Campolongo e Manuel Vidal Portela. Os horarios serán de 7.30 a 9.00 horas e de 14.00 a 16.00 horas.
As solicitudes deben presentarse na sede de Fanpa (rúa Xan Guillermo, 9) ata o próximo día 16 deste mes de xuño, en horario de 9 a 14 horas. Tamén é posible enviar un correo electrónico ao enderezo actividades@nontedurmas.org. O día 18 publicarase a listaxe de admitidos na web da Fanpa (www.nontedurmas.org). O pago deberá ingresarse entre o 19 e o 25 de xuño.
PREOCUPACION POLA NOVA LEI
Tanto o concelleiro de Educación como o presidente de Fanpa Pontevedra, Rogelio Carballo, mostraron a súa preocupación polo escenario que se abre coa nova lexislación relativa á administración local, que restrinxe as competencias dos concellos, por exemplo, en materia de ensino. Agustín Fernández alertou de que os programas de fomento educativo e os convenios, como os que se asinan coa Fanpa, quedan no aire.
Neste sentido, Rogelio Carballo afirmou en que "se nalgún sitio debe facilitarse un financiamento recurrente debería ser na educación" e insistiu en que os que pensan no ensino como un gasto demostran ter "cortas miras" e están "fóra de lugar".
En todo caso, Agustín Fernández avanzou que o Concello está a buscar solucións a esta limitación legal "e falaremos para tratar de manter unha colaboración coa Fanpa que nos parece interesantisima e que, ademais, significou un cambio fundamental nos servizos que se prestan ás familias".
Relacionadas:
-
As ludotecas de Nadal desdóbranse en función das idades e o idioma: galego ou inglés
Por Redacción |
-
A Concellería de Educación concede axudas ás ANPA para a realización de actividades
Por Redacción |
-
Renovado o convenio entre Concello e a Fanpa para financiar, entre outros, os comedores escolares
Por Alejandro Espiño |
-
Nos colexios de Pontevedra non funcionan os enchufes
Por Redacción |
-
Rogelio Carballo substitúe a Alberto Pita á fronte de Fanpa Pontevedra
Por Alejandro Espiño |