Un taxista acusado de levar 'camelos' ao Vao alega que "todos llevamos toxicómanos"
Por Natalia Puga
"Cada cinco minutos" un taxista de Pontevedra ou Poio "lleva a un toxicómano a O Vao" para adquirir substancias estupefacientes.
Así o sostivo ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra o taxista David H.M., sentado no banco dos acusados por supostamente transportar a presuntos 'camelos' ata o poboado chabolista para adquirir droga que máis tarde vendían no seu domicilio da rúa San Antoniño.
David H.M. utilizou este argumento para defenderse da acusación da Fiscalía, que pide unha condena de cinco anos de prisión como presunto autor dun delito contra a saúde pública. "Todos llevamos toxicómanos", alegou, unha afirmación que contradixo un axente da Policía Nacional que investigou o operativo no que foi detido. "Muchos taxistas se niegan", asegurou.
David H.M. negou as acusacións que pesan sobre el e tamén calquera actividade de venda de estupefacientes, sinalou que el se negaba a recoller a un dos detidos, agora falecido, unha media de máis de dúas veces á semana na súa casa de San Antoniño para levalo ao Vao. Tamén o levaba a outros destinos.
O outro acusado que se sentou no banco (coa mesma acusación e petición de condena), Joaquín C.S., é un dos presuntos 'camelos' que usaría esta droga recollida no Vao para vendela en San Antoniño e tamén no local 'Viva María' en Santa Clara. O seu compañeiro de piso sería a persoa que máis acudira ao Vao con David H.M. como taxista de cabeceira.
Dende un edificio de San Antoniño vendían droga tirándoa pola fiestra aos clientes
Joaquín C.S. asegurou que el non vivia na casa de San Antoniño na que tanto o presidente da comunidade de veciños como as investigacións policiais sitúanlle como morador, senón que simplemente ía alí comprar droga ao falecido e, en ocasións, quedaba a durmir no sofá. Tamén desmente que realizase operacións de venda de droga.
Ambos os dous foron detidos tras varias semanas de vixilancias da Policía Nacional, que revelaron que vendían droga nese piso de San Antoniño a "un importante número de toxicómanos". O método máis habitual para as transaciones era "tirar la droga por la ventana" aos seus clientes. Un axente asegurou ter presenciado como Joaquín C.S. "un día tiró droga".
A comunidade de veciños do edificio denunciou ante a Subdelegación do Goberno que dende a casa na que vivían Joaquín C.S., o falecido e outras dúas persoas vendíase droga. No xuízo, o seu presidente confirmou a denuncia e que "había una venta de estupefacientes importante y un flujo impresionante de gente".