Defensa asegura que a firma do convenio para a cesión dos terreos da Brilat "va a ser inminente"

Por Redacción
A firma do convenio entre a comunidade de montes de Salcedo e o Ministerio de Defensa para a cesión dos terreos comunais que utiliza a base General Morillo da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) "va a ser inminente".
Así o aseguraron este luns a PontevedraViva fontes do propio Ministerio. O acordo inicial entre as partes fixara que Defensa pagaría a Salcedo o primeiro prazo do canon que deberá pagar a partir de agora polo uso dos terreos comunais antes do 1 de xullo. Este martes debería terse formalizado este aboamento, pero non se fixo. Constatado o incumprimento do prazo, Defensa recoñece que haberá "un ligero retraso".
A Dirección Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa confirma que a semana pasada se completou o último trámite que impedía a firma do convenio e, en consecuencia, o posterior pagamento do canon. Tratábase dun informe que debía elaborar a Consellería de Medio Rural de la Xunta de Galicia que xa está entregado a Defensa e que dá o visto e prace ao convenio.
Tras recibir o informe favorable da Xunta, o documento co convenio "está listo para firmar" e esta rúbrica "va a ser inminente", en concreto, "en los próximos días". Non hai data concreta, pero "será en el mes de julio". En canto se asine ese convenio o pago do canon "será inmediato".
O convenio non só afecta aos comuneiros de Salcedo, senón ás comunidades de Montes de Figueirido, Vilaboa e San Xulián de Marín. Todos eles xa teñen o visto e prace da Xunta de Galicia para poder asinar o convenio co Ministerio de Defensa sobre o futuro dos terreos que ocupa a base militar da Brilat para os próximos 75 anos, pero os comuneiros de Vilaboa e Figueirido non poden asinar nada porque están aínda pendentes dun recurso ante o Tribunal Supremo.
O ditame coa comunicación oficial da Consellería de Medio Rural é o papel que permitiu desbloquear a formalización deste convenio, se ben as partes xa acordaron a súa entrada en vigor dende o pasado 1 de xaneiro.
Ata completar este trámite burocrático os técnicos da Xunta tiveron que reunir as certificacións de cada unha das comunidades de montes cos acordos das asembleas, a permuta duns terreos coa comunidade de Salcedo e fixéronse novas medicións topográficas. Non obstante o principal escollo foi o tempo previsto no convenio para a cesión dos terreos ao Ministerio, 75 anos.
A lexislación actual establece que o monte comunal é un ben inalienable, pero que pode ser obxecto de cesión temporal "por tempo indefinido en favor de calquera das administracións públicas" ou "ata o prazo máximo de trinta anos". ÿ por iso que para establecer os 75 anos de duración do convenio foi preciso contar cunha autorización expresa por parte da Consellería de Medio Rural.