Un home cego precipítase polo oco dunha arqueta aberta por mantemento en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Efectivos dos Bombeiros de Pontevedra rescataron este luns un home cego que caeu polo oco dunha arqueta aberta por mantemento nunha rúa en Pontevedra.
Segundo informaron fontes dos Bombeiros de Pontevedra e da Policía Local, os feitos sucederon pouco antes das nove da mañá na céntrica rúa García Camba, na que uns operarios estaban a realizar mantemento nun transformador subterráneo de Gas Natural-Fenosa.
Fontes dos Bombeiros de Pontevedra indicaron que, o lugar non estaba valado xa que acababan de abrir a tapa da arqueta para empezar a traballar.
O home precipitouse dunha altura duns tres metros. Presentaba unha forte contusión na cabeza cunha brecha sangrante na fronte, ademais de contusións en cadeiras e costado.
Ao lugar os bombeiros trasladaron dous vehículos, un de rescate e outro polivalente. Os efectivos rescataron o home nuns minutos, tras o que foi atendido por persoal sanitario.
O voceiro do goberno local, Raimundo González, informou que a Policía Local elaborará un informe do acontecido e en función das súas conclusións o Concello podería abrir un expediente á empresa.
VERSIÿN DA EMPRESA
Dende Unión Fenosa Distribución emitiron un comunicado no que afirman que os técnicos da compañía están a colaborar cos servizos de emerxencias e coa investigación para analizar toda a información dispoñible e determinar cales foron as causas.
Ademais aseguran que os traballos de mantemento da subestación na rúa García Camba de Pontevedra "estaban debidamente sinalizados e contaban con barreiras regulamentarias para impedir o acceso". E indican que "todas as actividades que desenvolve a compañía se realizan de acordo coas medidas de seguridade esixidas pola Lei de Prevención e a normativa de desenvolvemento" engadindo que a empresa se apoia nunha axeitada formación das persoas, procedementos nos que se incorporan as medidas de prevención, co obxectivo de minimizar os riscos.
Finalmente Unión Fenosa Distribución insiste en que é unha "empresa completamente comprometida coa seguridade" e por iso "analizará as causas do incidente e estudará o caso para establecer aqueles mecanismos extras que sexan necesarios para evitar que unha cousa así volva suceder. Así mesmo, lamenta o incidente e desexa unha pronta recuperación á persoa accidentada".