Así seleccionan en Sanxenxo os seus vixilantes da praia
Por Diego Torrado
O Concello de Sanxenxo destinará o próximo verán un presuposto aproximado de 171.000 euros á contratación do persoal que se ocupará de preservar a seguridade dos usuarios das praias do municipio. A Administración local celebrou esta mañá as probas para cubrir os 60 postos ofertados, ás que concorreron 74 socorristas e 25 sanitarios
Os aspirantes aos postos de sanitarios tiveron que realizar tamén unha demostración de reanimación cardio-pulmonar básica e contestar a un test sobre pautas xerais ante un accidentado, valoración do accidentado, reanimación cardio-pulmonar, arterioesclerosis-aterosclerosis, hemorraxias, feridas, traumatismos e politraumatismos, shock, cadros convulsivos, trastorno pola calor, lesións e trastornos polo frío, intoxicacións pola vía dixestiva, picaduras e mordedelas, intoxicacións por drogas, transportes de accidentados e asfixias.
Pola súa banda, aqueles que pretenden traballar como socorristas mostraron os seus coñecementos acerca de primeiros auxilios e ademais sobre temas relacionados co salvamento acuático como os seus principios xerais, secuencia de actuación, técnicas de entrada na auga, flotacións, técnicas de natación adaptadas, mergullo, técnicas de control e de remolque directas, de utilización do material de rescate, técnicas para o rescate de accidentados de columna, de respiración artificial no medio acuático, de extracción de accidentados, de salvamento acuático en espazos naturais e comunicacións.
Posteriormente desprazáronse á praia de Montalvo para efectuar as probas físicas que consistirán en correr 100 metros pola area co material de salvamento (aletas e flopi), entrar na auga e nadar 200 metros ata unha boia, onde deberán pechar o flopi ao manequín e percorrer outros 200 metros con el pechado ata a beira e superar outros 100 metros de carreira pola praia portando as aletas e o flopi.
Relacionadas:
-
Amplían ata o 15 de setembro a presenza de socorristas nas praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Xa hai socorristas na praia fluvial do Lérez: o servizo estará activo ata o 7 de setembro
Por Redacción |
-
As praias de Marín contarán con socorristas a partires do 1 de xullo
Por Redacción |
-
Sanxenxo contratará este verán a 60 socorristas e sanitarios para vixiar as praias
Por Redacción |