O Xulgado ratifica que o Concello cumpriu a sentenza das exclusivas do PP e valida o novo reparto
Por Alejandro Espiño
O goberno local de Pontevedra cumpriu correctamente a sentenza das dedicacións exclusivas do Partido Popular. Así o ditamina un auto do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2, tras a reclamación feita por tres dos concelleiros popular María José Rodríguez, Ricardo Aguilar e Pablo Fernández, que entendía que o Concello de Pontevedra eludira o cumprimento da mesma.
A sentenza inicial, de data do 20 de decembro de 2013, ordenaba ao Concello de Pontevedra a devolver ao Partido Popular dúas das tres dedicacións exclusivas que os retirara o bipartito, ao entender o TSXG que se producira para "represaliar" á oposición por negarse a retirar unha moción en contra da concesión dunha nova dedicación exclusiva ao concelleiro do BNG Miguel Filgueira.
O goberno municipal acatou a sentenza aprobando, non sen contratempos, un novo acordo plenario o pasado 31 de marzo que establecía un novo réxime de salarios para o PP. Nel, outorgábanse tres salarios dende a data da sentenza inicial ata o día deste pleno, para a continuación acordar suprimir outra vez dúas das dedicacións da oposición, o que desatou as iras dos edís populares e deu pé ao recurso presentando ante a Xustiza.
O auto do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 non atende a petición de declarar nulos estes últimos acordos plenarios e dá por bo o novo réxime de exclusivas. Considera a maxistrada que non foron ditados coa finalidade de eludir o cumprimento da sentenza", senón que "responde a unha decisión do Pleno, no exercicio das súas competencias, regular este aspecto da súa organización".
Ademais, o xulgado nega a pretensión destes tres edís do PP de que a sentenza inicial tivese efectos retroactivos. ÿ dicir, que se lles abonase os salarios que deberían ter cobrado no período comprendido entre setembro do 2012 (data na que deixaron de cobrar) e decembro do 2013, cos correspondentes intereses. A xuíza aclara que a sentenza do TSXG non fai referencia a este dereito.
Ante esta decisión, cabe recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En nome dos tres edís, Pablo Fernández adiantou que "agotaremos la vía legal" neste asunto.
Este procedemento do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 non é o único que está pendente de resolverse nos tribunais. María Biempica, edil do PP ata hai unhas semanas, formulou en solitario o mesmo recurso que os seus tres ex compañeiros, e o voceiro do PP, Jacobo Moreira, mantén activo aínda un recurso presentado a título persoal, contra todo o sucedido coas dedicacións exclusivas.