Tentan roubar en tres locais comerciais nunha noite con escaso éxito
Por Natalia Puga
Polo menos tres locais comerciais de Pontevedra foron vítimas dun roubo na madrugada do mércores ao xoves. En todos eles os ladróns entraron forzando as ventás de acceso e leváronse un botín de escasa importancia.
"Forzaron la ventana que está en el baño y entraron, pero saltó la alarma y se fueron", explica unha das vítimas, a propietaria da tenda de mobles Nakasa da Praza de Galicia.
Neste establecemento, o visionado das cámaras de seguridade permitiu descubrir que tan só unha persoa entrou no local e que "estuvo cinco minutos dentro". ÿ o tempo no que "se distingue que hay una sombra".
Alertada polo son da alarma, a persoa que irrompeu no local abandonouno rapidamente e como botín levouse "unas moedas que había en la caja". O individuo tiña que ser de escasa corpulencia, pois entrou por unha fiestra de pequeno tamaño.
Outro dos roubos produciuse na mesma praza, na sede de Barceló Viajes na cidade. Neste caso, os ladróns tamén accederon por unha ventá, neste caso, situada na esquina superior dereita da fachada.
Tras fracturar o cristal, irromperon no interior e deixárono todo revolto, pero non conseguiron levar nada.
Escaso éxito tivo tamén o roubo producido no establecemento Exclusivas Alameda da rúa Médico Ballina. O propietario chegou pola mañá e encontróuseo todo revolto, pero, segundo referiu á Policía Nacional, non botou en falta nada máis que uns documentos.
Nos tres casos, a Brigada de Policía Científica acudiu ao establecemento para recoller probas que poidan axudar á localización do ou dos autores dos roubos.